Roupa vella de cocido
Ingredientes
· 350 g de carne de cocido variada esmiuzada (polo, costela, lacón...)
· 200 g de hortalizas (cenoria, repolo, pataca, etc.) picadas
· 200 g de garavanzos do cocido
· 1 cebola grande
· 60 ml de aceite de oliva virxe extra
· 2 dentes de allo
· 1 culleradiña de pemento doce ou picante
· Un pouco de comiño
· 3 ou 4 tomates grandes triturados
· Unhas pingas de viño branco
· Sal ao gusto
Pasos
Desosamos toda a carne e esmiuzámola. Picamos as hortalizas e reservamos.
Picamos a cebola e o allo e sofritímolos a lume baixo, ata que se poñan transparentes. Incorporámoslle á mestura o comiño e o pemento, e deixámolos outro pouquiño.
Trituramos o tomate e pasámolo por un pasador de puré. Engadímolo ao rustrido de cebola e reducimos o líquido ata que espese.
Agregamos todas as carnes, garavanzos e hortalizas reservadas e dámoslle un fervor cunhas pingas de viño branco. Salpementamos ao gusto.
Arroz de onte
Ingredientes
· 150-200 g por persoa de restos sólidos do cocido picados, excepto a pataca
· Caldo do cocido
· 500 g de arroz (mellor bomba)
· 2 cebolas pequenas
· Un pouquiño de tomate (opcional)
· Aceite
Pasos
Picamos a cebola e refogámola cun pouco de aceite no recipiente no que cociñaremos o arroz ata que estea dourada, momento no que engadimos os restos da carne.
Sofritimos amodiño para que solte a graxa e o sabor para cubrir o do resto dos ingredientes e cociñamos ata ter a carne brandiña. Podemos poñer unhas pingas de tomate para facelo máis suculento.
Continuamos coa verdura e deixamos para o final os garavanzos para que se esmaguen o menos posible e reservámolos ata facer o arroz.
20 minutos antes de comer quentamos o rustrido e refogamos o arroz. Mesturamos ben e engadimos dúas veces e media o seu volume en caldo do cocido, manteremos 5 minutos a lume forte e despois poñerémolo a lume medio.
Deixámolo cocer 20 minutos e repousar 5 máis.
Empanada de cocido
Ingredientes
Masa de empanada:
· 550 g de fariña de trigo e un pouco máis para amasar
· 175 g de aceite de xirasol
· 150 g de leite
· 1 ovo (outro para pintar a masa)
· 10 g de sal
· Sen fermento
Recheo:
· 600 g de restos de carne de cocido
· 2 cebolas grandes
· Sal e pementa negra
· 150 g de grelos cocidos
· Aceite de oliva virxe extra
Pasos
Botamos a fariña nun cunco, engadimos o sal e o resto de ingredientes, e mesturamos ata que ligue. Baleiramos e formamos unha bola, que deixaremos repousar cuberta cun pano durante 30 minutos dentro do cunco.
Mentres, pelamos e picamos as cebolas. Esmigallamos a carne do cocido e quitámoslle o sobrante de graxa. Sofritimos a cebola cunha pinga de aceite e un chisco de sal.
Engadimos a carne e deixámola amornar. Poñemos os grelos, tapamos a tixola e deixamos que se fagan durante un minuto.
Mesturamos todo o recheo, rectificamos de sal e escorremos ben cun coador ou escoadoiro para que elimine o exceso de líquido. Ese mesmo líquido podemos utilizalo na masa da empanada. Deixámolo arrefriar.
Dividimos a masa en dúas partes deixando unha para cubrir máis tarde. A máis grande a usaremos como base, a estiramos e colocamos sobre un molde forrado de papel de enfornar.
Distribuímos o recheo sobre a masa e tapamos coa masa restante. Decoramos cos recortes, facemos un oco no centro e pintamos con ovo batido. Enfornar a 200 ºC durante 45 minutos ou ata que a vexamos tostadiña. Deixámola arrefriar sobre unha reixa antes de servir.